|           
          
    Na primeira metade do século XX xorden en Galicia unha serie de acontecementos que
    debuxan unha nova situación, na que se aprecia un compromiso por parte de moitas persoas
    que preparan o camiño para o chamado Rexurdimento. Esta época é coñecida coma a dos
    Precursores.Feitos históricos importantes
    contribúen a espertar a conciencia de moitos galegos. Un deles foi a invasión francesa,
    que dará lugar a que circulen textos de axitación popular na lingua do país. A
    conciencia dunha Galicia diferenciada do resto de España irá aumentando progresivamente
    e esta procura de identidade maniféstase en publicacións nas que os escritores e
    políticos valoraban o propio fronte á agresión externa.
 En 1848 ten lugar o banquete de
    Conxo no que confraternizaron estudiantes e traballadores, e no que o galeguismo toma
    características revolucionarias. Reivindícase o dereito de Galicia a administrar os seus
    propios recursos, e participaron homes que habían ter un gran protagonismo no proceso
    galeguizador, como Aurelio Aguirre ou o propio Eduardo Pondal.
 Coa publicación en 1853 do
    primeiro libro escrito en lingua galega no século XIX, A gaita galega, dáse un
    paso moi importante cara á normalización literaria. O seu autor foi Xoán Manuel Pintos,
    que xunto con Francisco Añón, Manuel Murguía e outros, pertence ó grupo chamado dos
    Precursores, por esta faceta de anticiparse ó que logo sería o pleno rexurdir da cultura
    galega.
 Pero o Rexurdimento pleno vai
    chegar coa publicación de Cantares Gallegos  de
    Rosalía de Castro, en 1863, obra que supuxo a maioría de
    idade do novo rexurdir da cultura galega. Outros escritores destacados son Curros
    Enríquez ( Aires da miña terra, 1880 ) e Eduardo Pondal ( Queixumes dos pinos,
    1886 ), que lle deron ó galego a plenitude literaria que perdera séculos atrás.
 |