Breve historia da orixe e formación da Lingua Galega  


          O galego é o resultado da derivación do latín que os romanos trouxeron ó Noroeste peninsular, e coa aportación das linguas anteriores e posteriores á colonización romana.
          Antes da chegada dos romanos, o noso territorio estaba habitado por diferentes pobos que falaban distintas linguas. Trala conquista romana, estes pobos pasaron, pouco a pouco, a falar latín, do memo xeito que tamén adoptaron a cultura e o tipo de sociedade romanas.
          Pero esas linguas anteriores ó latín, tamén aportaron algo ó galego, especialmente no campo léxico, en voces que se refiren a conceptos concretos, como nomes de animais, plantas, accidentes topográficos , etc.
          Palabras como  amorodo, morea,  veiga, rodaballo, beizo, burato, billa  ou  berce, proceden desas linguas.
          Despois da desaparición do Imperio Romano de Occidente, outros pobos, como os xermánicos e os árabes tamén se instalaron na Gallaecia, pero non borraron o latín galaico, aínda que si deixaron algunha pegada  da súa presencia, sobre todo no léxico común e na toponimia. De orixe xermánica son palabras como : roubar, branco, gardar, Allariz, Guitiriz , etc.
          A influencia árabe foi pequena e, ás veces, a incorporación dunha palabra árabe ó galego non foi directamente, senón a través do castelán. Son arabismos: azucre, aceite, acelga, alfinete, alfombra, ou a  interxección oxalá.
          O que non sabemos con seguridade é cando acaba o latín e comeza o galegoportugués, pero si que nos séculos X e XI xa é unha lingua bastante ben estructurada e cunhas características propias, aínda que o latín seguiu sendo usado como única lingua escrita durante moitos máis anos. Vai ser a partir do século XII cando a nosa lingua  pase a usarse a nivel escrito, como tamén o fixeron as outras linguas románicas.