Os Séculos Escuros  

         
          O galego, despois de lograr un importante desenvolvemento como lingua de cultura, pasou por unha etapa de forte decaemento desde finais da Idade Media ata comezos do século XIX. Este período de decadencia recibe o nome de séculos escuros. A presión do castelán afoga ó galego en todos os niveis comunicativos de certa formalidade, e este proceso non foi algo natural, senón que unha serie de motivos políticos, fundamentalmente, provocou esta situación.
          A causa principal foi a introducción do uso do castelán a través das clases dirixentes, cando no século XIII Galicia quedou integrada na coroa de Castela. A penetración de nobres casteláns no país foi intensa, e na alianza co que aínda se mantiña da antiga clase dirixente galega, era requisito indispensable o cambio de lingua. A desgaleguización produciuse nun principio nos ámbitos máis formalizados, e inmediatamente tamén a nivel familiar. Os cargos civís e eclesiásticos máis importantes tamén foron concedidos a persoas non galegas, e  por estes e outros motivos o galego deixou de ser a lingua das clases sociais máis altas e quedou reducido ó ámbito de lingua de uso cotián para as clases traballadoras, no seu nivel oral.

          Sen embargo  a actividade literaria non morreu de todo. Atopamos unha importante cantidade de mostras de literatura popular, elaborada anonimamente e divulgada de xeito oral. Tamén se recolleron moitos vilancicos que se cantaban por toda a península no tempo do Nadal, e ademais coñécense algúns autores que nos deixaron parte do seu labor poético e que son un exemplo  do que puido ser a literatura galega durante os séculos escuros se non fose pola imposición da lingua de Castela. Un exemplo é o soneto renacentista de Isabel de Castro e Andrade, Condesa de Altamira, composto no último tercio do século XVI.
          Son importantes así mesmo os sonetos que compuxeron Gómez Tonel e Vázquez de Neira con motivo das exequias da raíña dona Margarida de Austria, que datan do ano 1611, e unhas graciosas décimas feitas por Martín Torrado.

          Esta situación de abandono e incomprensión empezou a cambiar a finais do XVIII gracias ó labor dalgúns ilustrados que defenderon que o galego era unha lingua coma calquera outra. A figura máis relevante foi Frei Martín Sarmiento, que non só  se preocupou polo estudio do galego, senón que tamén denunciou a marxinación que sufría na escola, na administración e na Igrexa. A partir de Sarmiento, algúns outros ilustrados tomaron o galego coma punto de partida para as súas investigacións, mais sen o interese que aquel amosara.