A ACENTUACIÓN  

         No galego só se usa un tipo de acento gráfico, o agudo (´), e diferenciamos tres clases de palabras segundo o acento: agudas, graves e esdrúxulas. O acento gráfico chámase en galego til.

      AGUDAS - acentúanse graficamente cando teñen máis dunha sílaba e rematan en vocal, en vocal + n, en vocal + s ou en vocal + ns: puré, Ramón, mandís, xamóns.
        Non se acentúan cando son monosílabas nin cando acaban en ditongo decrecente ( seguido ou non de –s ): fe, Xan, can, colleu, cantou, animais.

        GRAVES – levan acento gráfico cando rematan en consoante distinta de –n ou –s, ou no grupo culto –ps: túnel, carácter, tórax, bíceps.

        ESDRÚXULAS – levan sempre acento gráfico: esdrúxula, simpático, bágoa, tépedo.

Algunhas particularidades

        1.- Con independencia do establecido nos apartados anteriores, as vocais i, u tónicas acentúanse graficamente cando van con outra vocal átona, para indicar que ambas vocais pertencen a sílabas distintas, e que polo tanto non forman ditongo: saúde, Raúl, ruído, prexuízo, etc.

        2.- Cando as formas verbais levan pronomes enclíticos ou a segunda forma do artigo, trátanse a efectos de acentuación coma se fose unha soa palabra: cólleo, lévalle, bebíche-la auga, etc.

        3.- As formas verbais que levan acento diacrítico mantéñeno sempre, aínda que vaian seguidas dun pronome enclítico ou da segunda forma do artigo: dálle as gracias, éche o mellor amigo, ti sempre dá-la nota. Isto non ocorre cando o acento da forma verbal non é diacrítico, xa que nese caso o feito de colocar un pronome enclítico pode facer que o acento desapareza. Fíxese: bebín o leite/ bebino.

        4.- Non se acentúan nunca os adverbios acabados en –mente: rapidamente, facilmente, friamente...

        5.- Nas palabras compostas soldadas, o primeiro termo perde o seu acento gráfico no caso de que o tivese: Riotorto, fervellasverzas...

        6.- Non se acentúan nunca os demostrativos nin o indefinido e numeral un: esta casa, dáme esta, mira aquela, un deles, deixa un .

        7.- Non se acentúan os interrogativos nin exclamativos directos, pero si os indirectos: ¿cando vés?; dime cándo vés; ¿qué che pasa?; cóntalle qué che pasa.

        8.- Al letras MAIÚSCULAS acentúanse graficamente igual cás minúsculas.

O ACENTO DIACRÍTICO

        Utilízase o acento gráfico con función diacrítica para distinguir dúas palabras que teñen a mesma forma na escrita pero que se diferencian polo seu timbre, porque unha palabra é tónica e a outra átona ou porque teñen distinto significado.          Estas son algunhas das palabras que se diferencian polo acento:

  á ( a + a artigo; ala )   a ( artigo;pron.; prep.)
  ás ( a + as artigo; alas )   as ( artigo;pron.
  bóla (esfera )   bola (peza de pan )
  cá ( ca + a )   ca ( conx.)
  cás ( ca + as )   cas ( prep.)
  chá ( plana )   cha ( che + a )
  chás ( planas )   chas ( che + as )
  có ( ca + o )   co ( con + o )
  cós ( ca + os; subst. )   cos ( con + os )
  cómpre ( é preciso )   compre ( merque )
  cómpren ( son precisos )   compren ( merquen )
  dá ( do verbo dar )   da ( de + a )
  dás ( do verbo dar )   das ( de + as )
  dó ( compaixón )   do ( de + o )
  é ( verbo ser )   e ( conx. )
  fóra ( adverbio )   fora ( verbo ser ou ir )
  má ( mala )   ma ( me + a )
  más ( malas )   mas ( me + as )
  máis ( adv. e pron. )   mais ( conx. )
  nó ( atadura )   no ( en + o )
  nós ( pron. tónico)   nos ( pron. átono )
  ó ( a + o )   o ( artigo; pron. )
  ós ( a + os )   os ( artigo ; pron )
  óso ( do corpo )   oso ( animal )
  pé ( parte do corpo )   pe ( letra )
  póla ( rama )   pola ( galiña; por + a )
  pór ( poñer )   por ( prep.)
  présa ( apuro )   presa ( dique, prendida)

  sé ( sede eclesiástica )
      ( imp. de ser )

  se (conx. ; pron.)
  só ( adv. e adx. )   so ( prep.)
  té ( infusión )   te ( pron. ; letra )
  vén ( pres. de vir )   ven ( pres. de ver )
  vés ( pres. de vir )   ves ( pres. de ver )
  vós ( pron. tónico )   vos ( pron. átono )

PALABRAS CON DIFERENTE ACENTUACIÓN

        Paréceme interesante indicarvos unha serie de palabras que teñen a acentuación diferente con respecto ó castelán. Son estas : acne, amálgama, anódino, atmosfera, auréola, conclave, elite, heroe, medula, mísil, omoplata, paxaro, prénsil, réptil, téxtil e traquea.