FARAGULLAS DA LINGUA  
  Diferencias 1 


          Comentaremos algunhas diferencias entre algúns pares de palabras que ás veces se confunden.
          As palabras cultas procedentes do latín que entran nas linguas romances cando estas xa son linguas de cultura, non evolucionan foneticamente coma as palabras patrimoniais ou tradicionais, e na fala non se usan sempre dun xeito correcto ou coa precisión necesaria.
          A voz latina secretum pasou a ser no galego o substantivo segredo, que podemos definir como aquilo que non se debe dicir ou que non debe ser do coñecemento doutros, por exemplo cando escoitamos: “ o que pretendes ocultar é un segredo a voces “.
          Pero esta mesma voz secretum pasou tamén a ser o adxectivo secreto, que é algo oculto, calado, reservado, que só é coñecido por un reducido número de persoas. Exemplo: “atoparon na súa casa un montón de documentos secretos”.  Desta última acepción naceron as palabras  secretario, secretaria e secretaría.
          Lembre entón  a diferencia : segredo cando é substantivo, e secreto cando é adxectivo, cando vai cualificando a outra palabra.

          Veremos tamén que diferencias atopamos entre testemuña e testemuño,que se escoitan con frecuencia e que moitas persoas confunden.
          Testemuña é a persoa que ten coñecemento dun feito porque o presenciou ou o comprobou, e que dá testemuño do mesmo. Exemplo : “ a miña veciña foi a única testemuña do atentado “
          Pola contra, testemuño  é a declaración que a testemuña fai nun xuízo, por exemplo, e que serve de proba da certeza dunha cousa. Así diremos: “ o seu testemuño foi escoitado en profundo silencio”.
          Quizás pode resultar práctico neste caso establecer unha comparanza co español. Testemuña sería a traducción de “testigo”, mentres que testemuño sería a de “testimonio”.