FARAGULLAS DA LINGUA  
  Diferencias 2 

          Imos comentar agora as diferencias que temos en galego entre algúns pares, e mesmo tríos, de palabras, para poder distinguir ben o seu significado e que non haxa confusións.
          Comezamos por tres palabras moi semellantes: grado, grao e gran. ¿Sabe vostede cando ten que empregar unha ou outra? Non se preocupe, axudarémolo. Empregaremos grado unicamente cando signifique ‘vontade ou gusto’, e asi diremos por exemplo: fíxoo de bo grado, querendo indicar neste caso que puxo boa vontade na realización do feito ó cal nos referimos.
          Grao equivale a nivel, rango, intensidade, e tamén designa a unidade de medida, tanto térmica como angular. Podemos entón dicir: tiña queimaduras de segundo grao ; a temperatura é de tres graos, ou ben, a suma dos ángulos dun triángulo é de 180 graos.
          E quédanos unha, gran, que pode significar dúas cousas: por unha parte é a forma apocopada de grande, cando por exemplo comentamos: é unha gran persoa, e por outra é unha semente ou cada unha das pequenas partículas que conforman unha materia: , un gran de trigo, un gran de millo, ou un gran de area.

          Esperamos que a partir de hoxe lle sexa moito máis fácil diferenciar estas tres palabras, pero aínda non rematamos por hoxe. ¿ Que tal se vemos outras dúas para que o tema de hoxe quede máis completo? Poden ser estas : crédito e creto. A primeira das formas, crédito, é a que empregamos para referirnos a temas económicos, un préstamo de  diñeiro que se concede en base á confianza que un merece de que ha pagar  as súas débedas e compromisos, e non se debe confundir coa segunda, creto, que non é outra cousa que a fama, a boa reputación dunha persoa, ou tamén a confianza ou a crenza no que nos din. Poñeremos algúns exemplos con esta segunda acepción: non dou creto ó que oio ; quedou sen creto ante a opinión pública; é un home de moito creto. Pero lembre, os bancos conceden créditos, e non cretos.