FARAGULLAS DA LINGUA  
  Diferencias 3 


          Existen palabras que aparentemente parecen sinónimas pero que non o son,  xa que aínda que están próximas semanticamente, moi poucas veces son intercambiables e teñen matices difrenciadores moi claros, polo que  é necesario facer algunhas precisións léxicas sobre elas.
         
          En primeiro lugar explicaremos a diferencia en tre CHAN e SOLO.
          Chan é a superficie do terreo que pisamos, a que se pisa nunha casa ou noutro tipo de construcción, e así diremos: “ recolle os papeis que tiraches no chan”  ; “ten coidado, acaban de vernizar o chan”.
          Solo ten un significado moito máis técnico e refírese á parte da cortiza terrestre composta por elementos minerais e orgánicos onde se cultivan as plantas, onde se edifica etc. , falando entón ,por exemplo,  de solo urbanizable,  Lei do solo etc,

          Veremos tamén a diferencia entre LUME e FOGO.
          Lume ten un significado moi amplo, podendo aplicarse a todo aquilo que arde, escoitando expresións como: “está preso porque prendeu lume ó monte” ; “o lume novo dá boa sorte”, referíndonos ó Lume do San Xoán.
          Fogo ten un significado moito máis restrinxido, referíndose a conceptos nos que a idea de combustión presenta menos evidencia . Os tres usos máis claros desta palabra son para falar de:  armas de fogo ;  fogos de artificio;  e a voz de mando que se usa para disparar , e por extensión deste  último uso falamos tamén de alto ó fogo no caso dos conflictos bélicos.

          E xa por último comentaremos as diferencias entre CONCELLO e AXUNTAMENTO, termos que tanto se confunden e que teñen tan pouco en común.
          Concello pode referirse á corporación municipal, ó término  ou xurisdición municipal.  A Casa do Concello é onde están as oficinas administrativas, o despacho do alcalde e o salón onde se celebran os plenos.
          Axuntamento só significa acción ou efecto de xuntar, reunión , cópula etc., debendo polo tanto desbotar o uso de esta palabra para referirnos ó indicado anteriormente como Concello.