FARAGULLAS DA LINGUA  
  Vocabulario 1 

          Hoxe comentaremos un chisco sobre o cine , lembrando algo do vocabulario relacionado con este tema, tan importante desde que aló polo ano 1895 os irmáns Lumière creasen este famoso espectáculo.
          Á película tamén lle podemos chamar filme, palabra de clara orixe inglesa. Se atendemos ás características do filme, este pode ser de vaqueiros, de aventuras, de humor, terror, ciencia ficción, drama etc.
          Se nos referimos ás persoas implicadas para que un filme chegue a ser proxectado nas salas comerciais entón temos que falar de director, productor, actores, actrices e demais. Como vemos hai poucas diferencias co español neste vocabulario.
          Pero si teremos algunha nas que imos comentar agora:
          Coa chegada do son e da voz ó cine, fíxose necesaria a dobraxe, palabra que en galego ten xénero feminino, como tódalas que rematan en –axe, a excepción de : o traxe, o paxe, e  o garaxe . De xénero tamén feminino, e pola mesma razón, son as palabras que fan referencia á duración dunha película,  e así falaremos dunha   curtametraxe ou dunha longametraxe, que non se usan con corrección en moitos casos.
          O día no que o filme se proxecta por primeira vez, é  a estrea, momento no que director , actores e actrices  disfrutan especialmente, aínda que seguro que un pouco nerviosos.
          Como vedes, parece como se en galego o xénero feminino estivese moito máis presente nisto tan bonito e fascinante como é o cine.
          Moito máis preto de nós, que non témo-la sorte de asistir a esas estreas importantes, está a figura do acomodador, que co seu foco ou lanterna, nos dirixe cara á nosa butaca.
          E xa só queda agardar que a película nos guste e que a disfrutemos, para que así non perdamos ese bonito e saudable costume de ir ó cine.