FARAGULLAS DA LINGUA  
  Vocabulario 2 

          Comentaremos neste apartado algúns aspectos da paisaxe urbana, da cidade, que se organiza no que chamamos centro e outras zonas que chamamos barrios ou arrabaldes, algúns cunha forte identidade, como pode ser  en Lugo o barrio da Milagrosa.
          As vías por onde circulan os coches nas cidades chámanse rúas, algo que todo o mundo sabe, pero, ¿ como se chama esa parte lateral das rúas por onde camiñamos as persoas? . Pois é fácil, chamase beirarrúa, palabra que debemos empregar sempre no canto da do castelán *acera. E se deixamos a beirarrúa porque queremos cruzar, lembre que é importante que o fagamos polo paso de peóns, esa zona raiada da rúa onde os que caminan teñen preferencia sobre os vehículos.
          As cidades están cheas de casas, de edificios, uns máis altos ca os outros, pero se son deses moi , moi altos, chamámoslles rañaceos, que teñen moitas plantas, a cada unha das cales chamamos andar. E así diremos: “vive no cuarto andar dese edificio”.
          Outras palabras que nos parecen importantes fan referencia á rede de conductos subterráneos que recollen as augas, son os sumidoiros, e os recipientes onde depositamos o lixo, chamados por iso mesmo colectores do lixo.
          Pero se o que quere é mandar unha carta, entón escríbaa, e logo busque, para botala, un deses aparellos de cor amarela que hai por moitos puntos da cidade. ¿Sabe como se chama en galego? A partir de hoxe seguro que si. Chámase caixa do correo, moi doado de lembrar.
          E hoxe si que nos quedan no tinteiro un montón de cousas, porque a cidade está chea de vida, pero que preferimos descubrir en contacto directo con ela. Pasee e coñeza a cidade, ten moitos encantos.