OS ARCAISMOS  

          Tratamos en anteriores apartados de certas interferencias lingüísticas tales coma os castelanismos e os hipergaleguismos. Hoxe ocuparémonos doutra,  os arcaísmos, que pese a no seren moi abundantes, afectan ás veces a distintos niveis lingüísticos e son característicos da lingua escrita.
          Cando se descubriron os textos de galego medieval, moitos escritores e intelectuais creron que xa tiñan solucionados todos os problemas  cos que se atopaban  cando aparecía algunha lagoa ou alteración lingüística producida pola presión do castelán. Tratábase de acudir ás fontes non contaminadas para preservar a pureza do galego, e así fóronse substituíndo   algunhas formas coincidentes co castelán polas que aparecían nos textos medievais. Isto notouse moito nas primeiras décadas deste século e propiciou a introducción de formas que hoxe son rexeitadas por considerarse arcaicas, algunhas delas ,porque xa mesmo na época medieval eran de pouco uso, outras porque non se interpretaron ben na súa significación,  e outras porque non se tivo en conta que nesa época a lingua galega aínda estaba nunha fase evolutiva.
         
Son arcaísmos a utilización de *vegada no canto de vez; *capiduo por capítulo; *tiduo por título ; *cor por corazón ; *door por dor ou dolor ; *coor por cor ou color e *conquerir cando se usa equivocadamente na obra de algúns autores como sinónimo de conseguir ou acadar, cando o seu verdadeiro significado é o de conquistar. Lembre entón que as formas correctas son: vez, capítulo, título, corazón, dor ou dolor, cor ou color, e acadar ou conseguir.