OS HIPERGALEGUISMOS  

          Tratamos noutro apartado dunha das interferencias lingüísticas máis frecuente no galego, os castelanismos. Pero non son a única, xa que tamén se producen outro tipo de fenómenos como poden ser os hipergaleguismos ou hiperenxebrismos, os arcaísmos, os vulgarismos ou os lusismos.
          Referirémonos hoxe ó primeiro grupo, ó dos hipergaleguismos. Todos sabemos que o prefixo “hiper”, segundo o Diccionario da Real Academia, significa exceso, o cal , aplicado á Lingua, pode facer caer na incorrección, aparecendo formas galegas en exceso como consecuencia dun desmedido afán diferencialista con respecto ó castelán, sen considerar que o castelán e o galego, como linguas irmás que son, comparten unha boa cantidade de léxico.
          Este tipo de deformación afecta sobre todo á lingua escrita, e moi especialmente ós rexistros cultos. Non podemos neste breve espacio relacionar todas e cada unha das palabras que se ven afectadas por este fenómeno, pero salientaremos algunha das máis relevantes polo seu moito uso.
          En galego diremos: montaña e non *montana ; brillar e brillante e non *brilar e *brilante ; marabilla e non *marabila ; orgullo e non *orgulo ; sombra e non *soma ; gasolina e non *gasoliña ; oficina e non *oficiña ; semana e non *semá ; horizonte e non *hourizonte ; sincero e sinceridade e non *sinceiro e *sinceiridade ; primavera e non *primaveira; suficiente e non *suficinte ; ambiente e non *ambente; ciencia e non *cencia .
          E así poderiamos continuar un bo cacho, pero, usando unha das palabras que acabamos de comentar, por hoxe xa nos parece suficiente. Se somos capaces de incorporar estas palabras correctamente ó noso vocabulario, levaremos dado un paso máis cara a adiante no proceso de normativización da nosa Lingua. De tódolos xeitos, temos que comentar que na actualidade a influencia dos hipergaleguismos é moito menor que hai uns cantos anos, polo que debemos ser optimistas de cara á súa superación.