NORMALIZACIÓN e NORMATIVIZACIÓN  

       

        A normalización dunha lingua significa a recuperación do seu status de lingua normal, ou sexa, conseguir que o seu uso oral e escrito sexa natural e espontáneo en calquera das situacións que se poden producir na vida pública e privada dos habitantes dun país. En 1983, a Xunta de Galicia promulgou a Lei de Normalización Lingüística, co fin de favorecer a normalización e garantir a igualdade co castelán na administración, no ensino, na prensa, etc.

        A pesar dos progresos do galego en ámbitos diversos, aínda non acadou a categoría de lingua normalizada. Isto só será posible cando poidamos realizar nesta lingua calquera das actividades que podemos facer en castelán, como ir ó teatro, ler diferentes xornais, ir ó cine, estudiar, etc., e cando na nosa sociedade ninguén rexeite o galego e todos saiban usalo de forma natural e espontánea en calquera situación.

        A normativización do galego consiste en dotar a esta lingua dun conxunto de normas ortográficas e morfolóxicas para conseguir o asentamento dunha variante estándar, ó igual que a posúen as outras linguas normalizadas. En 1982 foron aprobadas as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, editadas pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega, e que constitúen o texto base para a aprendizaxe da nosa lingua. Este texto foi revisado, actualizado e ampliado posteriormente, saíndo á luz unha nova edición en maio de 1995. O galego é, polo tanto, unha lingua normativizada.