O ADVERBIO  

        O adverbio é un vocábulo invariable que modifica un verbo, un adxectivo, outro adverbio, e mesmo una oración enteira : sabía moito; ten unha casa ben grande; vive moi cerca; sempre vai ó cine os luns.

        Os adverbios poden ser: de lugar, de tempo, de modo e de cantidade e precisión.

Adverbios de lugar

        Indican a situación no espacio. Podemos distinguir varios grupos:

        Absolutos – Sitúan no espacio facendo referencia ó lugar ocupado polo falante. Polo seu significado están relacionados cos demostrativos.

Formas

este lugar ese lugar aquel lugar
aquí alí
acó   aló
acá   alá
  acolá acolá

As formas en –í sinalan un punto preciso. Ex. : Queda aquí; está aí; alí non o vexo.

         As formas en –ó fan referencia exclusivamente a movementos, sinalando ben unha aproximación ou un afastamento. Ex.: Ven ti acó ou vou eu aló.

As formas en –a poden referirse tanto a estados coma a movementos, e cunha localización máis imprecisa. Ex.: Estivo meses por acá; estará por alá.
        
         A forma acolá pode aplicarse a calquera punto que quede dentro do espacio designado por aí e alí.

       Relativos - Sitúan no espacio con relación a un lugar dado. Vexamos algúns:
                    Dentro, fóra, preto/cerca, lonxe, arriba/enriba/encima, abaixo/embaixo/debaixo, atrás/detrás, adiante/diante, en fronte, arredor/en derredor/ó redor. 

       Presentativos – Serven para presentar algo ou alguén: velaquí, velaí, eis. Ex.: velaquí está o que buscabas; velaí van os xogadores do Depor; eis unha solución fácil.

       IndefinidosAlgures ( algunha parte ), ningures ( ningunha parte ), xalundes ( calquera outro sitio, outra parte, por aí adiante ). Ex.: Por algures estará; por aí non imos a ningures; ten que estar xalundes.

        Locucións adverbiais de lugar – Estas son as máis frecuentes : ó redor, ó lado, á beira, a rente/s, a carón, ó pé, a desmán, a contramán, por riba, por baixo...

Adverbios de tempo

        Sitúan no tempo un feito ou unha acción. Poden ser :

        Absolutos – Toman como referencia o momento do discurso:
                        Agora, antes, despois.
                        Hoxe, onte, antonte, trasantonte, mañá, pasadomañá.
                        Antano ( en tempo pasado, noutro tempo anterior ), hogano ( neste tempo).
                        Arestora, outrora, noutrora. 

        Relativos – Sitúan unha acción con relación a un referente pasado:
                        Entón, entonces, daquela.
                        Logo, axiña, cedo, tarde.
                        Aínda,inda, xa, mentres, namentres, entrementres. 

        Indefinidos – sempre, decote( accións reiterativas e habituais ), nunca, xacando.

         Locucións adverbiais de tempo - As máis frecuentes: hoxe en día, de seguida, en seguida, de contado, de vez, ó pouco, polo de agora, a deshora, a destempo, a reo( seguido, sen interrupción ), ás veces, por veces, de vez en cando, de cando en vez, ó raro, a miúdo, a cotío, de cotío, a diario...

Adverbios de modo

        Indican a maneira de ser ou de realizarse un proceso. Unha forma moi frecuente de adverbialización é a utilización dun adxectivo sen variar a súa forma: falar claro, correr rápido etc. Tamén a derivación a partir do sufixo –mente: claramente, rapidamente.

        Formas mínimas : asemade ( simultaneamente ), así, ben, mellor, mal, peor, como, gratis, adrede, aposta, engorde, paseniño.

        Locucións adverbiais
                A modo, a modiño ( ambas formas significan lentamente e con coidado )
                De vagar, de vagariño ( lentamente )
                Ó xeito ( con coidado )
                Ás presas, á presa, a escape, a correr.
                A eito ( en cantidade e de calquera maneira )
                A feito ( de principio a fin )
                De súpeto, de socato, de repente, de golpe.
                Ó chou, a rumbo, ás toas, a treu.
                A dereitas, ó dereito.
                A propósito, á mantenta.
                Do revés, ó revés.
                En balde, en van ( inutilmente )
                De balde ( gratis )
                Ó cabo, á fin (  finalmente)
                De veras.
                Polo miúdo ( minuciosamente )
                Ás claras.
                Ás agachadas, a furto ( secretamente ).

Adverbios de cantidade e precisión

        Formas mínimas: abondo, algo, bastante, ben, canto, case/casemente, incluso, logo, máis, malamente, medio, menos, mesmo/mesmamente, moito/moi, nada, pouco, só/soamente, talmente, tanto/tan, todo, xusto.

        Locucións – de menos, de máis, de sobra, de abondo, de todo, por completo, a medias, un pouco, con forza ( en abundancia ).

Adverbios de afirmación e negación

AFIRMACIÓN NEGACIÓN
si non
abofé non xa
tamén nin
de certo sequera
así mesmo nin sequera
  tampouco

          En galego, para responder afirmativamente a unha pregunta , é moi frecuente repetir o verbo da oración principal: ¿Compraches o vestido? Comprei.

Adverbios de dúbida

        Formas mínimas: quizá/ quizais, seica, acaso, disque...

        Locucións: poida que, ó mellor, tal vez, se cadra...