O ARTIGO  

            O artigo presenta ó substantivo e á súa vez indica o seu xénero e número. Distinguimos artigo determinado e indeterminado, empregándose no primeiro caso con realidades coñecidas e identificadas e no segundo con entidades máis abstractas.

ARTIGO DETERMINADO

            Presenta as seguintes formas:

 

masculino

feminino

singular

o/lo

a/la

plural

os/los

as/las

            As formas  lo, la, los, las, son as chamadas segundas formas do artigo que se empregan en casos concretos que logo especificaremos.

CONTRACCIÓNS COAS PREPOSICIÓNS

            Cando o artigo determinado vai precedido de determinadas preposicións, fórmase unha soa palabra coas dúas formas, o que se chama unha contracción. Este é o cadro das formas resultantes:

  o a os as
a ó á ós ás
de do da dos das
en no na nos nas
con co coa cos coas
por polo pola polos polas

                        Exemplos :

                            Mañá iremos á praia se o tempo mellora.
                            Cando saín do cine estaba chovendo.
                    Nas vacacións do verán é cando menos se descansa.
                            Escribe todo coa man esquerda.
                            Mañá pasarei polo taller.

A SEGUNDA FORMA DO ARTIGO

            Pode aparecer de dúas formas:

                1- Sen guíón, unida directamente á palabra anterior, que perde o  -r ou -s final. Isto sucede despois de todos, ambos, entrambos (e os seus femininos), por mais e tras. Vexamos algúns exemplos: tódolos días me ergo á mesma hora;   gústanme ámbolos dous libros; fixérono entrámbolos dous;   vai polo carreiro da dereita; fomos eu e mailo fillo de Xosé; está trala porta.

            2- Con guión, e isto sucede nos seguintes casos:
                        a) despois de infinitivo e das formas verbais conxugadas que rematen en –r ou –s. O procedemento a seguir é o seguinte: o infinitivo ou a forma verbal perde o –r ou –s final, logo poñemos guión e a continuación a segunda forma do artigo. Exemplos : vou abri-la porta; imos come-los chourizos que trouxeches; se remáta-lo exercicio podes saír...

                        b) despois dos pronomes átonos nos, vos e lles. O procedemento é igual ca no caso anterior. Exemplos: déuno-los cartos que lle pediramos; daréivo-la sobremesa cando acabéde-lo xantar; quitóulle-las tesoiras para que non se mancasen.
                 c) despois dos pronomes tónicos nós e vós cando van seguidos dunha precisión numérica. Exemplos: nó-los catro non pensamos saír hoxe; vó-los sete estades equivocados.
                 d) tralo adverbio interrogativo U ( = ¿onde está? ).
                                    Exemplos: ¿U-lo can? ; ¿U-la tixola grande?

        A representación gráfica das segundas formas do artigo é aconsellable pero nunca obrigatoria, podendo escribir o, a, os, as en todos os casos, excepto con por e tras que si é obrigatoria ( polo, pola, polos, polas; tralo, trala, tralos, tralas )

ARTIGO INDETERMINADO

                                            Formas:

 

masculino

feminino

singular

un

unha

plural

uns

unhas

CONTRACCIÓNS COAS PREPOSICIÓNS

  un unha uns unhas
de dun dunha duns dunhas
en nun nunha nuns nunhas
con cun cunha cuns cunhas

                        Exemplos:

                            Este disco é dun amigo meu.
                            Estamos nunha situación difícil.
                            Mañá cearemos cuns veciños do teu irmán.