O GALEGO NO SÉCULO XX  

          
        A comezos do sécuo XX imos asistir a unha toma de conciencia sobre o galego por parte de diversos colectivos que fixeron importantes reivindicacións para que chegase a ser unha lingua normalizada a todos os niveis, e non só no terreo literario. Entre eles destacaron: as Irmandades da Fala, a Xeración Nós e o Seminario de Estudos Galegos.

        As Irmandades da Fala constitúense en 1916 sendo algúns dos seus líderes os irmáns Villar Ponte, Xoán Vicente Viqueira, Losada Diéguez, Vicente Risco e Ramón Cabanillas. O seu ideario,   difundido pola publicación A Nosa Terra, contempla a defensa e a rehabilitación do noso idioma, con presencia na escola e na administración. O galego   comezou a facerse habitual nos actos públicos ( académicos, políticos, conferencias...).

        A Xeración Nós, integrada entre outros por Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas e  Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, conferiu á cultura galega unha altura intelectual que non tivera ata entón. Estes homes, cunha rigorosa formación, realizaron un valiosísimo traballo de estudio e fortalecemento da cultura galega, defendendo o uso da nosa lingua en calquera ámbito, mesmo en eidos pouco cultivados ata ese momento, coma o ensaio científico, a novela longa, etc.

        Creado en 1923, o Seminario de Estudos Galegos reunía a unha serie de universitarios que, baixo o maxisterio de Armando Cotarelo Valledor, publicaron en galego un conxunto de traballos científicos sobre Galicia. Dentro do Seminario creáronse seccións dedicadas a campos determinados como xeografía, historia, arte, ciencias xurídicas, económicas...

        Durante a Segunda República o movemento político nacionalista galego acadou un considerable desenvolvemento, figurando entre as súas reivindicacións a do recoñecemento para Galicia dos seus dereitos idiomáticos. Este obxectivo logrouse cando en xuño de 1936 foi aprobado o Estatuto de Autonomía de Galicia, que no seu artigo 40 establecía a oficialidade do galego. A Guerra Civil paralizou todo o proceso e esta importante conquista legal tardaría moitos anos en pórse en práctica.

        A dictadura franquista supón unha creba histórica e cultural en Galicia, iniciándose un duro período de represión coñecido coma a “longa noite de pedra”. O galego sobrevive na clandestinidade, gracias ó labor de asociacións culturais coma O Galo en Santiago de Compostela, O Facho na Coruña,  etc. No ano 1950, coa fundación da Editorial Galaxia inicíase unha lenta recuperación das letras galegas.

        Despois da morte de Franco e como resultado da Constitución de 1978, Galicia acada un Estatuto de Autonomía, aprobado o 21 de decembro de 1980, e no que se recoñece e lexitima de novo o galego como lingua oficial en Galicia.