O PRONOME PERSOAL  

        Os pronomes son formas gramaticais que poden desempeñar as mesmas funcións sintácticas cós substantivos. Ademais da flexión de xénero e número, presentan a de persoa. Para o seu estudio clasificaremos as formas do pronome en tónicas e átonas.

FORMAS TÓNICAS

Número

Persoa

Suxeito

Formas oblicuas

Libres

Ligadas

Non refl.

Refl.

Non refl.

Refl.

Singular

eu min comigo
ti contigo
  el, ela si   consigo

Plural

nós/nosoutros, -as connosco
vós/vosoutros, -as convosco
eles, elas si   consigo

        A forma EU emprégase sempre cando é suxeito. Despois de preposición ou de partícula comparativa empregamos a forma MIN para a 1ª persoa, excepto coa preposición CON, que usaremos COMIGO.

            Exemplos:
            Eu non souben que contestarlle.
                ¿Ese regalo é para min?
                Ti sempre traballas moito máis ca min. ( Observe nesta frase a diferencia co castelán )
                Se che apetece, ven comigo.

        As formas nós/nosoutros e vós/vosoutros non son absolutamente sinónimas, hai un matiz que as diferencia. NÓS e VÓS sinalan un grupo amplo, sen delimitar, mentres que NOSOUTROS  e VOSOUTROS son plurais excluíntes, que se refiren a grupos moi determinados. Ante calquera dúbida é mellor empregar  NÓS e VÓS, que serven para todos os casos.

            Exemplos:
            Vós non sabedes o que queredes. ( Non se exclúe a ninguén )
                Imos repartir o traballo, vosoutros limpades os baños e nosoutros a cociña. ( Plurais excluíntes )

        Para a segunda persoa temos tamén unhas formas de cortesía: VOSTEDE  e VOSTEDES, que esixen verbo en terceira persoa de singular ou plural respectivamente.

        As formas de 3ª persoa EL, ELA, ELES, ELAS, contraen coas preposicións DE e EN:

  el ela eles elas
de del dela deles delas
en nel nela neles nelas

FORMAS ÁTONAS

NÚMERO PERSOA E XÉNERO NON REFLEXIVO REFLEXIVO
OBX. IND. OBX. DIR.
SING. me
che te  
MASC. lle o, lo, no se
FEM.   a, la, na  
PLURAL nos
vos
MASC. lles os,los,nos se
FEM.   as,las,nas  

        ME é a única forma do pronome persoal átono de primeira persoa do singular. Pode ser polo tanto obxecto directo e indirecto. Sen embargo para a 2ª persoa temos dúas formas: TE para designar o obxecto directo e CHE o indirecto. Exemplos:  Vinte onte na praia. ( O.D.); Tróuxoche un bo regalo.(O.I.)

        As formas de terceira persoa de obxecto directo O ,LO, NO ( cos seus correspondentes femininos e plurais ) son variantes combinatorias, de xeito  que cada unha delas aparece nuns determinados contextos:

            1- As formas –NO, -NA, -NOS, -NAS empréganse tralas formas verbais rematadas en ditongo: colleuno e tirouno.
            2- As formas –LO, -LA, -LOS, -LAS úsanse cando o pronome vai enclítico tras unha forma verbal rematada en –r ou –s e tralo adverbio interrogativo U: tes que deixalo onde o atopaches;  o libro , ¿ulo?
            3- En todos os demais casos as formas a empregar son: -O, -A, -OS, -AS: collino eu; non a vexo; véxoas moi serias hoxe.

CONCORRENCIA DAS FORMAS ÁTONAS


        Cando nunha frase concorren dous pronomes átonos, sempre vai primeiro o de O.I. e despois o de O.D., formando unha soa palabra nos seguintes casos:

  o/lo a/la os/los as/las
me mo ma mos mas
che cho cha chos chas
lle llo lla llos llas
nos nolo nola nolos nolas
vos volo vola volos volas
lles llelo llela llelos llelas

 

COLOCACIÓN DOS PRONOMES ÁTONOS NA FRASE

         Os pronomes átonos poden ir diante ou despois do verbo, seguindo algunhas premisas:

             1- O pronome átono non pode encabezar nunca unha frase.
            2- Se a oración é negativa ou está encabezada por unha conxunción ou un adverbio, o pronome anteponse. Con todo, algúns adverbios de lugar e de tempo non inflúen na colocación do pronome, polo que a súa posición segue  sendo de enclise (despois do verbo): Sempre a vexo no mesmo sitio; Xa llelo dixen a todos; Onte atopeino nunha feira.
            3- O pronome vai diante do verbo cando a oración vai introducida por un pronome exclamativo ou interrogativo: ¿Como o queres? : ¡Quen mo dera!

            4- En oracións subordinadas o pronome irá sempre diante do verbo: díxenlle que o deixase onde o atopou.
            5- Cando se trata de perífrases verbais ou construcións de verbo conxugado seguido de infinitivo ou xerundio, o pronome átono pode ir despois do verbo conxugado ou despois do infinitivo:
                    Venme ver mañá pola mañá / ven verme mañá pola mañá.

        Se entre a forma verbal conxugada e a forma nominal hai unha partícula de enlace temos tres posibilidades de colocación:
                    Acabouno de escribir / acabou de escribilo / acabou de o escribir.

O PRONOME DE SOLIDARIEDADE

        O pronome de solidariedade é unha forma do pronome átono de 2ª pesoa que se emprega cando se quere facer participar ó interlocutor ou interlocutores do que estamos a dicir. Búscase a solidariedade, a complicidade ou simplemente afianzar a comunicación. A información que transmite unha oración non cambia pola presencia deste pronome.

            FORMAS: 

  Un interlocutor Varios interlocutores
Tratamento familiar che vos
Tratamento de cortesía lle lles

                    Exemplos:
                        Estache unha tarde fantástica.
                        Évos unha historia ben rara.
                        Vaille unha calor impresionante.